Sunday 28 de April de 2024

A Xunta agradece o recoñecemento do Instituto Internacional de Criminalística Aplicada


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, foron galardoados esta mañá durante a entrega das Medallas ao Mérito Profesional e Académico

― O acto enmarcase na clausura do “III Congreso Internacional de Criminalística Aplicada. Intelixencia Criminal e Terrorismo” na Cidade da Cultura, que celebrou unha das súas tres xornadas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

― Alfonso Rueda destacou o papel da AGASP como centro de referencia para ofrecer unha formación actualizada ás forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencia que traballan en Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu hoxe a Medalla ao Mérito Profesional e Académico outorgada polo Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA) no marco da clausura da Cidade da Cultura do III Congreso Internacional de Criminalística Aplicada”, que xirou en torno á intelixencia Criminal e terrorismo con expertos de relevancia internacional. A Xunta agradece este recoñecemento que ademais do vicepresidente primeiro tamén recibiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Xunto ao vicepresidente primeiro da Xunta e o director xeral de Emerxencias e Interior tamén foron condecorados Rosario Martín, secretaria do Tesouro de EEUU; Javier Sánchez Fernández, xeneral de División; o coronel José Luis Sales Blanco, xefe de Estado Maior da misión da UE en Mogadisco para o adestramento das forzas somalíes na loita contra o terrorismo; José Miguel Gaona, psiquiatra forense e membro da Academia de Ciencias de Nova York; Ray Cazorla, presidente do Hispanic American College (HAC); o tenente coronel Scott Smitson, exxefe da rama de Estratexia Militar do Comando Sur de EEUU; o comandante Bryan Thomas Rozman, estratega de dirección no Pentágono e servizos en Bosnia, Irak e Afganistán e William Rodríguez, que supervivente do 11S.

A entrega das medallas celebrouse na última xornada do Congreso na Cidade da Cultura despois da inauguración o martes na sede do HAC na Coruña e a segunda xornada celebrada onte na Academia Galega de Seguridade Pública.

Alfonso Rueda destacou o traballo e o compromiso das forzas e corpos de seguridade para velar pola seguridade dos cidadáns e loitar contra o crime organizado e o terrorismo internacional e xihadista. Por iso, incidiu na necesidade da formación continuada de tódolos axentes nesta materia e delitos que están a emerxer nos últimos anos.

Na súa intervención agradeceu ao INCIA que escollese un ano máis Galicia para celebrar unha nova edición do seu congreso e a AGASP como unha das súas sedes, tendo en conta o seu papel como centro de referencia en Galicia para ofrecer unha formación actualizada e adaptada á realidade do traballo diario das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.